O outro día, en clase de inglés, estudaba eu as formas de expresar annoyance, como din eles, que un, afeito aos eufemismos e demasiado dado á cortesía, prefire definir como “mal corpo”. E de forma totalmente casual, que é como lle chega a un a información sobre determinados temas, caeu na miña orella a información seguinte: seica o Plan Abalar non vai continuar en 3º e 4º de ESO.
Persoalmente resúltame imposible comprender esta situación decisión ou planificación (resulta en extremo hilarante falar de planificación no Plan Abalar) porque, segundo a mesma información, o plan Abalar nunca pretendeu ir máis alá de 2º da ESO. Como queira que os responsables das administracións que nos gobernan son insensibles ás gravacións das súas propias palabras, que sen dúbida algún diaño do ciberespacio se preocupou de enmarañar e deformar, resulta pouco menos que ridículo facer un exercicio de memoria. A día de hoxe aínda non sabe un se a extensión tamén se cortará cara abaixo, nos niveis da Educación Primaria aínda non dotados desa marabilla de equipamento e solucións.
Sen dúbida existirán motivos para esta decisión, tal vez influída polo éxito do programa entre o profesorado, os alumnos e os pais nos cursos nos que funciona. Entre os seus moi destacables méritos figura a construción dun portal de difusión de contidos –non contextualizados curricularmente, de forma que a súa clasificación ben pode cualificarse de amoreamento escasamente sistemático e dubidosamente útil – unha plataforma de información a pais e nais da que a un lle gustaría coñecer o nivel de uso entre a comunidade escolar, máis que nada para comprobar se se achega sequera ao cinco por cento, e outras preciosidades tecnolóxicas.
Tamén resulta interesante comprobar como os xestores dos centros educativos lidaron co incremento da factura da luz, debida a un uso de, poñamos por caso, douscentos ordenadores novos, os gastos de folios e tinta da impresora de aula (ah! Desculpen: é que esquecera que o equipamento Abalar non incluía impresora de aula nin o mantemento desta, como todo é “dixital” … ecoloxía pura.) ou como se reparten digamos que vinte megas de banda –e xa é poñerse fino- entre eses douscentos ordenadores prendidos a un tempo para conectar cos recursos da rede que tran os simples libros electrónicos dos alumnos …Perdón, como di? Que segundo as editoras algunhas dan acceso ao libro electrónico co manual impreso e outras non? Cómo, que se paga a parte? Que son moi, moi escasos os profesores e alumnos que empregan libros electrónicos? Vaia. Entón claro, para que nos imos molestar en garantir a cada alumno, non sei, digamos medio mega de ancho de banda? Se total non os van usar… e xa de paso, tamén se poden deixar os ordenadores sen cargar, que así tampouco gastamos en luz.
Permítanme que conteste a pregunta que debe estar roldando a súa cabeza a estas alturas. Para que vas a clase de inglés?
Bo. Por un pequeno detalle de nada. É que ao señor conselleiro –e o seu boss de aquí e o de acolá teñen a mesma teima- acordóuselle que o maior mérito para ensinar calquera materia –das matemáticas á filosofía, pasando pola plástica ou a educación física- é ter un papel que certifique que un ten acadado o nivel B2, ou superior, de coñecemento da lingua de Shakespeare.
Tal vez, algún día, cando menos un dos nosos dirixentes deixará de confundir as súas carencias coas necesidades alleas. Ese día, estou seguro, hei pegar unha patada no ceo.
